TRAIÑEIRAS

Coruxo esperta en Vilagarcía

A "Fontaíña" asina a segunda praza dende a quenda intermedia e Meira gaña para aumentar a renda no liderado

A "Arealonga" de Chapela realizou unha boa regata e gañou a quenda.
A "Arealonga" de Chapela realizou unha boa regata e gañou a quenda.
Coruxo esperta en Vilagarcía

Samertolameu incrementa a súa renda no liderado cunha nova vitoria e Coruxo volve ó seu mellor nivel para asinar unha segunda posición e amosar que o mal inicio de tempada non reflicte o verdadeiro potencial deportivo da "Fontaíña" viguesa. 
A boa actuación do barco do Vao chegou dende a quenda intermedio do día, na que a embarcación viguesa saíu a un ritmo notable para establecer o primeiro mellor longo da xornada. As intencións da embarcación quedaban claras e na baliza de terra incrementaba a renda sobre os seus seguidores. A cuestión xa era coñecer a cantas embarcacións das que pechaban o día de regatas ía superar Coruxo. Ó final foron todas menos Samertolameu, líder da Liga Galega A.
Aínda así, a traiñeira de Meira viviu a competición con certa preocupación, pero tamén coa seguridade de comezar a amosar a superioridade sobre os seus rivais que se podía intuír ó inicio da tempada. A calidade dos remeiros baixo a dirección de Dani Pérez é incuestionable. Onte marchouse dos seus rivais no primeiro longo, pero as referencias non eran boas porque Coruxo estaba por diante da "Terca" na primeira metade da regata. Non obstante, o terceiro parcial resultou chave e todo indica que nel a "Fontaíña" padeceu máis vento contrario que media hora despois. Pasou de estar nos tempos de Meira a perder quince segundos e poñerse a altura de Mecos e Puebla.
Os parciais do rego final confirmaron esta posibilidade porque Coruxo, que vogou antes, asinou un gran parcial, máis rápido que Mecos e Puebla, para rematar a regata na segunda posición. Detrás quedou o barco do Grove e Puebla afástase de Samertolameu na xeral ó caer ata a cuarta posición. A súa peor actuación no que vai de tempada. 
Samertolameu chega a regata de hoxe en Chapela (12:00) cunha renda de catro puntos no liderado e coa sensación de progresar no seu estado de forma. 
Pola súa banda, Chapela gañou na súa particular loita a Rianxo por evitar as dúas últimas posicións da Liga Galega A. Os remeiros de Marco Antonio Castelao situáronse un punto por encima do seus rivais e hoxe reman na casa co seu extra de motivación.n