segunda división b

Correr para quecer o frío e gañar

Dennis Eckert celebra o gol que deu a vitoria ó Celta B no partido de onte ante o Navalcarnero.
photo_camera Dennis Eckert celebra o gol que deu a vitoria ó Celta B no partido de onte ante o Navalcarnero.

O alemán Dennis Eckert deu a vitoria ó Celta B cun gol no terceiro minuto de xogo nun partido de fútbol de inverno

Dennis naceu en Colonia e formouse nas categorías inferiores do Borussia Mönchengladbach. Chegou ó Celta este verán con 20 anos para tentar triunfar no equipo da terra da súa nai, que naceu en Tui. Onte, baixo o vento e a choiva de Barreiro, foi un dos que mellor interpretou o que precisaba o seu equipo e tamén o que precisa un deportista nun día no que o máis recomendable é quedar na casa cunha manta ó carón da cheminea. 
O alemán, formado en temperaturas xélidas, moitas veces baixo cero, sabe que para quecer o frío non hai nada mellor que correr, non parar, moverse. Máis dunha avoa galega coñece a receita. Se vai frío e tes que saír á rúa, corre para quecer. Non parou o futbolista alemán na dianteira do Celta en todo o partido e, para que negalo, tivo a axuda da súa potente fortaleza física. Noutros partidos pareceu desentoar neste filial céltico de toque e calidade, pero onte foi un auténtico referente e completou un partido notable dos vigueses nunhas condicións, que son as peores para o seu fútbol.
Rubén Albés planificou un partido sen apenas triangulación e con moita xente na medular do campo. A idea, levada a cabo polos seus xogadores, era non complicarse en defensa e sacar o balón sempre cara adiante. A ser posible, cara o medio do campo, onde acumulou xogadores con Rai Marchán, un notable Dani Molina e as incursións de Drazic e Agus Medina. Evitar o roubo rival e asistir rápido ás carreiras de Juan e Dennis Eckert era a misión. Así chegou o gol nun balón longo no terceiro minuto de xogo. O alemán gañou a carreira a toda a defensa contraria mentres o balón xogaba cos charcos da banda de Barreiro. Conectou o disparo forte e raso, que non atallou Isma Gil. 
Terceiro minuto de xogo, gol da vitoria. Despois tivo máis ocasións o Celta B, por medio do propio Dennis e tamén de Rober Costa nunha falta lateral. Unha mala cesión de Pampín cara Jero, freada pola auga nun día no que estaba prohibido ceder atrás, enviouna Stevens por enriba da portería. 
No segundo tempo chegaron máis opcións do Navalcarnero, que tivo accións para o empate cando o campo xa estaba moi deteriorado. Pampín sacou un balón baixo o longueiro e Álex González enviou un remate no área pegadiño o pau da portería local a falta de dez minutos. Non entrou e serviu a primeira carreira de Dennis nunha tarde na que non parou, ó igual que moitos dos seis compañeiros.

Celta B: 
Jero, Riki Mangana, Diego Alende, Robert Costa, Pampín, Rai Marchán, Dani Molina, Dejan Drazic (Sebastiá Sastre, min. 83), Agus Medina, Juan Hernández, Dennis Eckert (Juan Ros, min. 89).
Navalcarnero: 
Isma Gil, Carlos García, Serrano, Jesús González, Álex González, Sergio Molina, Stevens (Sergio Segura, min. 67), Cidoncha, Chema Moreno (Lario, min. 67), Barbosa (Ónega, min. 75).
Gol: 
1-0, min. 3: Dennis Eckert. 
Árbitro: 
Carlos Fernández Burgo. Expulsou con cartón vermello directo a Sergio Segura (min. 84). Amonestou a Agus Medina e Dejan Drazic no Celta e a Carlos García, Álex González e Serrano no Navalcarnero. 
Incidencias:
Partido correspondente á décimo oitava xornada de Segunda División B disputado no campo de Barreiro baixo unhas duras condiciónes meteorolóxicas con choiva e vento. 

Te puede interesar