scenso a segunda división

Un comezo fervendo impulsa ó Celta B

Os xogadores do Celta B acadaron a vitoria no encontro de onte xogado ante o Marbella no campo de Barreiro,                                           que presentou un fermoso aspecto.
photo_camera Os xogadores do Celta B acadaron a vitoria no encontro de onte xogado ante o Marbella no campo de Barreiro, que presentou un fermoso aspecto.

O filial celeste anotou dous goles en menos de vinte minutos para tomar vantaxe ante o Marbella no primeiro partido da promoción de ascenso a Segunda 

Calor en Lavadores, sobre o céspede, na bancada, no campo. O rego funcionou cinco minutos antes de comezar a rodar o balón para darlle velocidade ó céspede. Era un mediodía marcado en vermello no campo de Barreiro, para a particular historia do Celta B e así o entendeu Rubén Albés. Ante a inclusión de  Brais Méndez, o técnico optou por manter ós seus futbolistas con máis minutos e iso obrigou a  Agus Medina a exercer de lateral. O ataque estaba garantido. 
Máis aló do táctico, o contexto convidaba ó espectáculo. Máis de 2.000 espectadores en Barreiro, a mellor entrada en anos coa bancada repleta, o lateral contrario tamén e decenas de persoas máis no fondo. Convidaba a dar un paso adiante e o filial céltico así o fixo. Dous goles antes dos vinte minutos nunha saída notable, a galope, ó que uniu efectividade. Dous remates a porta e dous goles en catro chegadas.
As dúas primeiras tiveron a Dennis como protagonista. Un centro que tocou o defensor e marchouse ó pau e un remate interceptado na frontal da área polo central tras envío de  Brais. Ambos foron a saque de curruncho que non atopou rematador. Non sería así o terceiro envío dende a esquina. Segundos antes, Toni Madrigal falou con  Drazic para situalo na procura do rexeite nese tipo de accións. Resultou  premonitoria a charla na banda. O seguinte córner saíu despexado cara ó segundo pau e apareceu o serbio para conectar unha volea que marchou de forma inexorable ó fondo da portería.
Mandaba o Celta  B, que impulsado por un público quente, como a mañá en Barreiro, vivía no campo contrario. Así chegou o segundo tanto nun balón longo ó que non chegou Brais, pero que recolleu Kevin Vázquez en liña de fondo. O lateral levantou a cabeza e enviou un centro ó segundo pau por enriba da defensa e porteiro para a chegada de Juan Hernández dentro da área pequena. Empuxou a gol o lorquino para completar un tanto onde máis da metade estivo na asistencia. Con dous goles de vantaxe no marcador, chegou o momento de dar un paso atrás para conservar un inicio de partido que poñía a eliminatoria moi favorable ó Celta  B. Entre outras cousas porque o capitán visitante Añón comezou a atopar os espazos que deixaba o filial celeste. Tivo varios disparos desde a frontal. O máis perigoso foi o terceiro tras unha chegada por banda de  Corpa, centro atrás e remate axustado ó pau. Só uns centímetros impediron o gol. 
Na recta final antes do descanso comezou a pasar factura o ritmo e a calor de Barreiro. Caeu  Drazic por lesión e o encontro e o ánimo da bancada pasou de ser ardente con chama viva a un cocido lento. Poucas ocasións nos minutos finais do primeiro acto. 
A segunda metade empezou cun filial céltico claramente  metido no seu campo. Albés trocou ó segundo plan, que pasou por esperar máis ó rival e tratar de aproveitar a velocidade ó contragolpe. A idea consistía en asegurar a vantaxe e xerar algunha ocasión para o terceiro tanto, aínda que con clara prioridade para o primeiro aspecto.
Así chegaron os minutos de sufrir e aguantar. Durante case media hora, o filial céltico tivo que defender e despexar balóns ante un Marbella que incrementou o seu dominio e pasou a vivir en campo contrario. Non terminaba de crear perigo porque non atopaba último pase. Con todo, o central Catena tivo o gol nun saque de curruncho. Remate de cabeza que sacou Kevin Vázquez debaixo do longueiro. A segunda oportunidade andaluza chegou entre Añón e Chus. Centro. rexeite, remate frouxo do primeiro e Chus tocou dentro da área pequeno, pero sen forza para empurrar. 
O Celta B deu un paso adiante no último cuarto de hora. Dennis errou un man a man e Pastrana un disparo dende a frontal. Era o premio gordo, pero non chegou.

Celta B:
Sotres, Kevin, Ros, Diego Alende, Agus, Rai, Álex, Brais (Pastrana, min.78), Juan Hernández (Aarón Rey, min.86), Drazic (Dani Molina, min.40), Dennis.
Marbella: 
Wilfred, Carlos Julio, Peris, Alonso, Catena, Javi (Chus, min.65), Corpa, Luis, Ferrón (Indi, min.65), Álex, Javier Añón (Otín, min.80).
Goles: 
1-0, min. 13: Drazic; 2-0, min. 16: Juan Hernández. 
Árbitro: 
Pardeiro Puente, do comité cántabro. Amonestou a Rai Marchán polo Celta B e a  Luis, Peris, Carlos Julio e Otín no Marbella. 
Incidencias:
Partido correspondente ó partido de ida da primeira eliminatoria da promoción de ascenso a Segunda División. Campo de Barreiro. Uns 2.000 espectadores nas bancadas. 

Te puede interesar