terceira división

Champi apareceu a tempo

O Alondras superou no partido de onte ó Laracha no campo cangués do Morrazo.
photo_camera O Alondras superou no partido de onte ó Laracha no campo cangués do Morrazo.

O canteirán do Alondras anotou o gol da vitoria ante o Laracha nun partido de moito traballo

Vitoria xusta e despois de moito traballo, pero o Alondras superou pola mínima ó Laracha cun gol de Raúl Gil 'Champi' a falta de sete minutos para a finalización do partido no campo do Morrazo. 
A vitoria permite ó equipo de Antonio Fernández Rivadulla rachar unha xeira de tres encontros sen vitorias e, deste xeito, ascender posicións. A formación canguesa subiu ata a sexta praza e está a tres puntos da zona de promoción de ascenso. 
O Alondras saltou ó terreo de xogo cun plan claro, pero careceu de capacidade no primeiro tempo. As cousas non remataban de saír ante un Laracha de moito traballo. Deste xeito, o preparador local aproveitou o tempo de descanso para facer dous cambios. Salgueiro e Mauro saían do campo para dar entrada a Jesús Varela e Álex Rey. A idea consistía en buscar maior profundidade.
Aínda así, o partido continuou sen abrirse. Pasaban os minutos sen novidades no marcador ante a desesperación do público cangués. O Laracha tiña claro o seu plan de xogo. 
O gol tardou en chegar, pero apareceu a falta de sete minutos para rematar o encontro, cando Raúl Gil 'Champi' enviou o esférico ó fondo da portería de Leobalde. Un tanto moi celebrado polos locais e que permite ó Alondras regresar á senda da vitoria e deixa ó Laracha ó borde do descenso.

Alondras: 
Álex Vila, Diego Pérez, Salgueiro (Jesús Varela, min. 46), Aram, Aitor Díaz, Abel (Michael García, min. 46), Iván Pérez, Champi, Mauro (Álex Rey, min. 46), Pardavila, Gabri.
Laracha: 
José Leobalde, Souto (Emil, min. 85), Juan Pérez, Angeriz, Antonio González, Rebolo, Castro (Iago Novo, min. 81), Kanoute,David García, Patiño, Taibo (Ballesteros, min. 76).
Gol: 
1-0, min. 83: Champi. 
Árbitro: 
Saúl López. Amosou cartón amarelo a Champi polo Alondras e a Angeriz, Souto e Patiño polo Laracha. 
Incidencias:
Partido correspondente á novena xornada na Terceira División disputado no campo do Morrazo, en Cangas. 

Te puede interesar