segunda división b

Cervero, con axuda de Antas, executa a Otero

Edgar golpea o balón de tacón nunha acción do partido de onte no Baltasar Pujales.
photo_camera Edgar golpea o balón de tacón nunha acción do partido de onte no Baltasar Pujales.

O dianteiro do Burgos, asistido polo xogador local, deixan ó técnico ó borde do despido

Perdeu o Rápido de Bouzas, sen merecelo, e como nos oito partidos que van de tempada, sen marcar. Un 0-1 que deixa a Jorge Otero, o adestrador, fóra do equipo, pero falta a confirmación oficial que chegará hoxe. O único que pode variar a situación é un troco de opinión do presidente, Manuel Seoane, que parece pouco probable. A semana foi unha especie de xuízo sumarísimo e onte, o gol de Diego Cervero a sentenza condenatoria, que tivo a Pablo Antas como involuntario lector do veredicto porque asistiu –de xeito involuntario– ó atacante visitante. 
O Burgos escoitou todas as lendas que circulan sobre o Rápido de Bouzas e o céspede artificial do Baltasar Pujales. Esa masa verde case negra polo caucho que precisa unha remodelación. Escoitou moito e, igual por isto, presentouse no partido cun sistema táctico no que o centro do campo era unha zona pola que o balón soamente podía pasar elevado. Situou a dous dianteiros con sendos extremos que ían a tódolos balóns colgados. O Rápido, máis acostumado ó seu terreo de xogo, sabe que é un lugar onde pódese xogar pouco, pero algo si. E as mellores accións de combinación en ataque foron locais. Iso si, sen grandes excesos porque, ó fin e o cabo, o terreo de xogo ten unha lenda merecida e medíronse dous adestradores co pescozo posto na guillotina do seu presidente. A derrota supoñía caer a coitela de xeito irremediable. O verdugo era perder nos dous equipos. 
A primeira opción foi para o visitante Toni Rojano que recolleu un dos moitos balóns longos do seu equipo. Poucos crearon un perigo real, pero o atacante recolleuno, deu a volta a disparou preto do longueiro. Foi no comezo do partido.Despois o Burgos desapareceu en ataque entre puntapé e puntapé cara adiante. 
Outra cousa foi o Rápido de Bouzas. O pechacancelas, cun punto e sen goles, tiña o plan de partido máis claro. Tentaba combinar con accións de dous ou tres toques antes de enviar o balón en longo, que podía ser por alto ou por baixo cara as bandas ou Carnero. Deste xeito, os de Jorge Otero tiveron tres opcións claras. Un man a man que non resolveu Edgar no área, unha fermosa volea ó longueiro de Iago López e a terceira mereceu rematar co balón no fondo da rede por pura beleza. Adrián e Javi Sánchez desbordaron en banda cunha dobre parede, o extremo puxo o centro, que recolleu Carnero e cedeu a Adrián, que chegaba en velocidade. Disparou preto do pau e sacou o esférico Mikel Saizar para salvar o seu equipo antes do descanso, ó que se chegou co Rápido no área dun Burgos superado. 
A segunda metade comezou como rematou a primeira: con mando e control do Rápido ata que chegou a acción decisiva. Pablo Antas, sen dúbida un dos mellores da tarde, escenificou o que é este equipo. Recibiu un balón de costas, pero sen presión. Quixo tocar rápido cara o porteiro Brais cando tiña preto a dous opoñentes. O esférico quedou curto e chegou Diego Cervero. Asistido por un rival quedou nun man a man que aproveitou ó primeiro toque. Agasallo de vitoria.  A partir de aí, o encontro foi un clásico. O Rápido atacou con corazón e pouca cabeza ata a entrada de Carlos Pereira –inexplicable a súa suplencia– e con algo máis de perigo con el no campo. De feito, estivo presente nas dúas opcións de gol que tiveron a Youssef como protagonista. A primeira pasou polo borde do área pequena sen rematador e a segunda cortouna un defensa coa man. Todo o campo entendía que dentro do área, pero o asistente e o árbitro consideraron que foi fora. Botouna Carlos Pereira e sacouna Saizar. Derrota do Rápido, a sétima en oito partidos. Nesta ocasión, sentenza para Otero.

Rápido de Bouzas: 
Brais Pereiro, Adri, Iago López, Diego Rodríguez, Cotilla, Antas, Javi Sánchez (Youssef, min. 62), Armando (Carlos Pereira, min. 71), Diz, Carnero, Rodri (Edgar, min. 32).
Burgos: 
Mikel Saizar, Julio Rico, Jaso, Borda, Cantero, Undabarrena, Goti (Madrazo, min. 65), Jagoba, Toni Rojano (Adrián Cruz, min. 73), Yaw Annor (Aitor Aldalur, min. 89).
Gol: 
0-1, min. 58: Diego Cervero. 
Árbitro: 
Pedro Muñoz. Amosou cartón amarelo a Armando e Diego polo Rápido de Bouzas e a Borda polo Burgos. 
Incidencias:
Partido disputado no Baltasar Pujales de Bouzas ante 100 espectadores. 

Te puede interesar