Ano de revolución no Con

Benjamin Vázquez estrea a súa condición de adestrador de Tirán con trece novidades

Bilbao e contrarreloxo. O domingo ó mediodía (12:00, G2) chega a primeira regata da tempada na Liga ACT e o fai cun equipo de Tirán Pereira totalmente novo tras sufrir unha profunda remodelación este inverno. Tras tempadas de continuidade, outras de trocos suaves e algunha algo máis axitada, nos últimos meses a "Mar do Con" padeceu o maior troco dende o seu regreso á Liga ACT no 2008. 
Benjamin Vázquez 'Benji' debuta como técnico na máxima categoría do remo cun equipo totalmente novo porque o número de trocos ascende a trece nunha formación de vintedous. Moitas novidades, o que obrigou a un traballo notable durante os duros meses de inverno ó novo técnico para sincronizar ós seus remeiros e buscar a precisión técnica que necesita o barco porque a potencia será unha das súas debilidades. 
Polo descoñecemento, pola profunda renovación e polo potencial doutras embarcacións, os prognósticos sitúan á tripulación moañesa no pelotón de cola da mellor competición de traiñeiras. Traducido ós obxectivos, a misión da "Mar do Con" é manter a categoría, se é posible, sen disputar un angustioso 'play-off' de permanencia. Facelo obriga a deixar a dúas tripulacións por detrás ó final da tempada. Os candidatos para estar nesta loita son varios e entre eles todo indica que non estará un ascendido como Santurtzi. Ademais de gañar o playoff o ano pasado a Ares e Samertolameu, reforzouse con media ducia de remeiros que teñen vitorias en regatas da ACT ou, incluso, na Concha. Apunta alto. 
Das tripulacións habituais da zona media-baixa tampouco parece que a segunda galega, Cabo da Cruz, teña problemas na clasificación este ano. Reforzouse ben e recupera a históricos de tempadas anteriores. Descartados este nomes, a priori, os rivais de Tirán na zona baixa sairán do grupo conformado por Donostiarra, que ascendeu tras moitos intentos, San Pedro, San Juan, e pode que o histórico Kaiku de José Luis Korta, con moitos trocos e poucos remeiros contrastados a bordo. A competición poñerá a cada un no seu sitio. 
Lonxe de Tirán estará a loita polo título cun Urdaibai como claro favorito tras sumar dous títulos consecutivos nos que tivo que loitar coa insistente Hondarribia, que volverá a estar na zona alta co seu argumento de sempre. Dous únicos trocos e máis do 90% dos remeiros canteiráns. Queda por saber se Orio, gañador da Concha en 2017, ten este curso fondo de armario para loitar polo título. Sobre o papel, ten nomes. Detrás, aparece a Zierbena adestrada por Juan Zunzunegui, que arrasou un ano máis en bateis e traiñeiriñas e xa foi quinta a pasada tempada. Está na nobreza da competición, onde tamén aspira chegar Ondarroa. Oitava no seu debut o ano pasado, pero con trocos este inverno. Se saen ben pode subir un chanzo. Se son negativos, baixará a loitar pola permanencia e será rival directo de Tirán Pereira. 


Tomás Casas, o experto remeiro da Mar do Con con 43 anos, recoñece que "o obxectivo é salvarnos. Non sabemos o noso nivel comparado con outras embarcacións. As sensacións non son malas, pero este ano fixemos moitos trocos e a liga é moi dura". Neste aspecto, o remeiro indica que "cinco segundos nunha regata en Galicia non son nada, pero na ACT supoñen meter a dúas ou tres traiñeiras no medio. É moito. Veremos a partir do domingo, nunha regata dura en río, o noso nivel. O primeiro mes de competición será moi importante para nós". 
Benji afronta o reto de adestrar por primeira vez a unha tripulación da máxima categoría do remo. A experiencia tena como remeiro, e tamén pode exercer na "Mar do Con" se é necesario, pero todo indica que será en poucas regatas. Debe manexar un grupo que ven de non sufrir apuros para manterse dende hai sete anos e, incluso, con remeiros que saben o que é gañar bandeiras, aínda que as últimas vitorias son de 2015. Saber traballar as mentes de remeiros nun papel descoñecido de loitar por non descender pode ser chave.

Te puede interesar