balonmán

Amor oficial e popular baixo a choiva

As xogadoras do Mecalia Guardés finalizaron a celebración do título ligueiro cunha fotografía de famila na Fonte do Mariñeiro.
photo_camera As xogadoras do Mecalia Guardés finalizaron a celebración do título ligueiro cunha fotografía de famila na Fonte do Mariñeiro.

O Guardés celebrou o título ligueiro con visita ós patrocinadores, unha recepción oficial, o ofrecemento á patroa da vila e o final de festa na Fonte do Mariñeiro

Celebración clásica, de amor, amizade e tradición. O Mecalia Atlético Guardés viviu onte unha desas xornadas felices con paseo por toda a vila e un recoñecemento a todos aqueles que, máis ou menos, tiveron algo de relación co título de División de Honra conquistado polo equipo dirixido por José Ignacio Prades. 
A xornada comezou cun almorzo de confraternización e visita a varios patrocinadores da entidade. A continuación, as xogadoras subiron a un autobús sen teito todas conxuntadas cunha camisa e un gorro do club. Perfectamente uniformadas, acudiron ós distintos puntos marcados no itinerario festivo mentres algúns cativos corrían ó paso do autobús.
A primeira parada foi a que presentou maior seriedade, cunha ofrenda na igrexa parroquial da Asunción á patrona da Guarda, para despois dirixirse cara ó fogar do poder civil, onde o alcalde, Antonio Lomba, recibiu ás campioas de División de Honra. Unha banda de música animou a entrada da expedición do equipo mentres a choiva comezaba a caer sobre A Guarda. Igual para recordar as dificultades do título. Aínda así, o feito non desmotivou ós veciños, que aguantaron co paraugas en man ata que as xogadoras sairon a saudar dende o balcón. 
Nas dependencias municipais, os integrantes do equipo recibiron unha medalla de agasallo para conmemorar o título ligueiro e a xornada festiva de celebración do campionato. Entre saúdos e felicidade, as xogadoras tomaron o protagonismo central no acto de finalización da xornada. Primeiro volveron ó autobús para comezar un pasarrúas con final na Fonte do Mariñeiro. 
Estela Doiro foi a primeira en baixar do autobús para dirixirse ó monumento no porto da Guarda coa bandeira da localidade no alto. Por un corredor de veciños desfilaron unha a unha as xogadoras entre cánticos e aplausos. A agua da fonte foi a primeira parada antes de subir ata o alto do monumento. Tras a choiva, chegaron as molladuras entre unhas e outras no medio dunha enorme felicidade colectiva.
Subiron unha a unha ata o alto para dende alí ondear a bandeira e cantar coa afección. Un final de festa para unha xornada de celebración tras facer historia no pobo e no balonmán español. Foi ó lado dun mar que marca a configuración dunha vila no punto sur da provincia de Pontevedra, na confluencia entre o Miño e o océano Atlántico. O agua e o monte Trega son símbolos da Guarda e agora tamén o é o equipo feminino, que este ano foi o mellor de España no balonmán feminino. 
Como día histórico, na celebración do Guardés estiveron presentes todos os elementos. Un pouco de relixión, poder político, patrocinadores e, sobre todo, intercambio e felicidade compartida entre xogadoras, técnicos e veciños. Amosouse, unha vez máis, que o deporte é fermoso e cobra beleza cando existe amor popular e de pobo.n

Te puede interesar