bateis

A voz feminina de Meira

A zona da Guía acolleu a Bandeira Concello de Vigo, cunha alta participación.
photo_camera A zona da Guía acolleu a Bandeira Concello de Vigo, cunha alta participación.

O club moañés gañou a Bandeira Concello de Vigo en mulleres e Mecos acadou a vitoria na clasificación masculina

As augas da Etea acolleron onte o inicio da tempada de bateis nunha xornada solleira marcada polas altas temperaturas e a ausencia de vento, unha situación meteorolóxica pouco habitual no inverno da Ría de Vigo. Deste xeito, os remeiros, dende alevín ata sénior, gozaron dunha mar en calma absoluta para facer navegar os seus barcos nas mellores condicións e meter toda a forza posible ós botes máis pequenos do remo en banco fixo. Tras a celebración da regata, a vitoria por equipos marchou para Moaña, xa que Samertoalmeu de Meira foi o mellor club en mulleres, e para a Ría de Arousa, co triunfo de Mecos nas categorías masculinas. 
Xa dentro de cada un dos grupos nos que se dividiu a competición, as categorías raíñas de sénior tiveron gañadores da Ría de Vigo. En féminas, a tripulación de Meira acadou a vitoria con catro segundos sobre Mecos e menos de sete de renda sobre Coruxo. Unha distancia curta, que invita a pensar que a tempada será especialmente fermosa. En homes, Tirán Pereira obtivo un triunfo claro, con Vilaxoán na segunda posición e Samertolameu na terceira. 
En xuvenís repetiron vitoria os clubs de Moaña, pero neste caso co papel invertido. En homes, a vitoria foi para o club de Meira e en mulleres, para o batel do peirao do Con. Os rapaces viviron unha regata axustada, pero en mulleres a vitoria de Tirán resultou folgada. 
A idade cadete foi especialmente prolífica para Chapela, un club que históricamente obtén bos resultados na tempada de bateis. O equipo cadete feminino obtivo a vitoria por diante de Tirán, mentres que o de nenos foi segundo tras Mecos e por diante de Samertolameu.
Na idade infantil, os barcos da Ría de Vigo tiveron un papel discreto, mentres que en alevín feminino obtivo a vitoria Vila de Cangas por diante de Meira e en nenos chegou a presea do club organizador. O batel de Virxe da Guía foi segundo por diante de Coruxo, que pechou o podio na idade alevín masculina.
Na primeira regata da tempada de bateis acudiron ata Vigo máis de noventa embarcacións para xuntar a preto de 500 remeiros nas augas viguesas. Unha alta participación que volve amosar o poder que ten o remo de canteira no sur de Galicia e tamén un tipo de barco lixeiro e manexable ideal para os deportistas lixeiros.n

Te puede interesar