VIGO

O son de Martin Codax no século XXI

Cristina Pato dirixíu o Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, onde oito propostas musicais e dous medievalistas homenaxearon ao Pergamiño Vindel, exposto no Museo do Mar, e ao seu trobador

Un momento da actuación de Begoña Riobó. Á dereita, o reitor Salustiano Mato, entre o público do teatro García Barbón.
Un momento da actuación de Begoña Riobó. Á dereita, o reitor Salustiano Mato, entre o público do teatro García Barbón.
O son de Martin Codax no século XXI

nnn Anxo Pintos, Begoña Riobó, Yago Vázquez, Roberto Comesaña, Miguel Cabana, Wöyza, Ugía Pedreira co Coro da Mariña e o grupo de música antiga Martin Codax fixeron súas as cantigas que un día interpretou Martin Codax onte no teatro García Barbón. Así, o tradicional concerto de Nadal da Universidade de Vigo tivo como protagonista claro ao trobador, de quen pouco se sabe, pero que asina o Pergamiño Vindel, que Morgan Library de Nova York prestou para a súa exposición no Museo do Mar ata marzo, un fito histórico. 
Baixo a dirección artística de Cristina Pato, os medievalistas Camiño Noia e Xosé Bieito Arias explicaron aos presentes a importancia que para os galegos teñen as composicións de Martin Codax e a súa presenza a carón da Ría, máis de sete séculos despois da súa composición. Destacaron que se trata do primeiro texto onde aparece o nome de Vigo, así como o carácter popular, non sacro, das letras, asemade o feito de que seis das cantigas incluidas no pergamiño estean acompañadas pola súa música, escrita en pentagramas. 
“Ondas do mar de Vigo”, “Mandad'ei comigo ca ven meu amigo”, “Mia yrmana fremosa treides comigo”, “Ay Deus se sab'ora meu amado”, “Quantas sabedes amar amigo”, “En o sagrad' e Vigo ”, (só o texto, sen a notación musical) e “Ay ondas que eu vin veer” soaron de novo no teatro, aínda que esta vez reinterpretadas e adaptadas á sonoridade actual. Tal e como declarou Cristina Pato, quen ademais de guiar á gala, animouse coa gaita e co piano, a intención do concerto foi amosar como soarían ás cantigas de se compoñer na actualidade, tendo en conta toda a diversidade estilista galega, dende a música de raíz pasando polo folk, ata chegar ás fórmulas do jazz e incluso rap con toques de soul.
A Universidade de Vigo pecha un ciclo, festexando o éxito dun proxecto no que investiron anos de traballo para que o pergamiño Vindel regresase á súa Ría. Confiou para esta misión en Cristina Pato, que convidou aos presentes á reflexionar sobre o valor que se lle dá ao patrimonio. Así, este ano, as cantigas de Martin Codax (escrito sen til) pasan o Nadal na casa.n