vigo

Rosalía, a través das súas cartas, manuscritos e primeiras edicións

Catrocentos nenos festexaron o Día de Rosalía na Praza do Rei.
photo_camera Catrocentos nenos festexaron o Día de Rosalía na Praza do Rei.

A Fundación Penzol expón parte do tesouro que custodia só hoxe na Casa da Cultura

 A Fundación Penzol únese á conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro, hai 180 anos, cunha exposición única, polo seu contido e pola súa temporalidade, xa que só permanecerá exposta ao longo do día de hoxe. A selección confórmase por nove documentos significativos relacionados coa poeta. 
Destacan dous manuscritos da homenaxeada, escritos polo seu puño e letra: o primeiro una recolleita de cantares populares galegos e o segundo, unha carta redactada a Lois Tobío Campos, fillo da súa curmá. O epistolario con este familiar complétase con outra carta enviada neste caso por Tobío á Rosalía e unha terceira, escrita por Alejandra Murguía, filla de Rosalía ao seu curmán lonxano. 
Este apartado complétase coa correspondencia que dá conta de que aínda vive María Josefa Martínez Viojo, tía de Rosalía que a coidou de pequena en Ortoño:
    A escolma da Fundación Penzol aumenta cunha serie de publicacións sinaladas como a primeira edición de “Cantares Gallegos”, saído do prelo en Vigo en 1863; a tamén primeira edición de  “Follas Novas”, publicada polo vigués Alejandro Chao en La Habana; así como traduccións a outros idiomas como é o caso de “Poesies Gallègues”, de 1917, onde se publica en catalán algún extracto. Tradución ao catalán dun extracto “Cantares Gallegos” ou a versión deste memo libro en xaponés, editado en 2009.
A mostra estará aberta ao público na Casa Galega da Cultura, de 10 a 13:30 horas e de 17  a 19:30 horas. En dúas quendas pola mañá, ás  11 e ás 12 horas; e outras dúas pola tarde, ás 18 e ás 19 horas, faranse visitas guiadas.

“Unha muller universal”, vista e entendida polos máis cativos 

nnn  Catrocentos escolares de sete centros vigueses (Canicova, Salesianos, Jesuitinas, San Salvador de Teis, Friáns, Compañía de María e Don Bosco) déronse cita onte, na Praza do Rei, para expresar o que sinten cando falan de Rosalía de Castro. O acto puxo punto e final á programación municipal polo Ano de Rosalía. No mesmo participou o alcalde Abel Caballero, quen se uníu á homenaxe coa lectura dun dos poemas da poeta de Padrón. Leron mensaxes, citas e versos da poeta, onde abordaron tódolas facetas desta personaxe: a súa dimensión como muller, como escritora e como defensora de Galicia: “Rosalía, unha muller universal”, apuntou unha das nenas na súa intervención. Un representante de cada centro fixeron público o manifesto escrito polos alumnos de Miralba co gallo de seu aniversario. Dixeron dela que foi “unha forza rabuda” que converte “a súa poesía nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres que padecen maltrato e desprezo”. Os escolares vigueses aseguraron que “queremos que os seus versos nos invadan, para que a súa luz alumee o noso futuro e falemos en galego como ela”, afirmaron, para rematar asegurando que “Contigo, Rosalía, amamos e falamos o galego”. O acto finalizou coa solta de globos. Cada un contiña un verso do seu poemario.
Hoxe continúan os actos, ás 18.45 horas, cunha ofrenda floral, por parte da asociación cultural O Castro, na imprenta de Juan Compañel, na Rúa Real, 12, para despois continuar cunha lectura dos seus versos no Centro Cívico do Casco Vello.n

Te puede interesar