Mostras, música e deporte no día das Letras Galegas

Freixanes, Villares, Román Rodríguez, e Pedro Ferriol, viúvo da homenaxeada.
photo_camera Freixanes, Villares, Román Rodríguez, e Pedro Ferriol, viúvo da homenaxeada.

Un ambicioso programa de actividades lembrará a María Victoria Moreno

n n n Iniciativas no ámbito musical, expositivo, cultural, literario ou deportivo encherán os actos de homenaxe á figura de María Victoria Moreno, a escritora á que se dedica o Día das Letras Galegas 2018 e que, a pesar de ser "estremeña de orixe", foi "galega de vocación". Así o explicou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a súa participación en Santiago na presentación do "ambicioso programa" de actividades para difundir e lembrar a figura de María Victoria Moreno, da que destacou, ademais do seu papel literario, a súa implicación no ámbito educativo.
Este programa de actividades, que agrupa iniciativas de diversos ámbitos e estenderase até final de ano, está organizado, ademais de por a Consellería de Cultura, pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG. Román Rodríguez explicou que está pensado para "difundir e pór en valor o legado" dunha das "pioneiras da literatura infantil e xuvenil en Galicia" e cuxa figura "demostrou que non hai límites para aprender unha lingua".
Do mesmo xeito, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, destacou o seu papel de profesora, a súa intención de "alimentar o país de textos e material para os escolares" e a súa obra "dirixida a un público especialmente relevante: os lectores novos".
Pola súa banda, Ramón Villares, presidente do CCG, puxo de manifesto que a elección de María Victoria Moreno para as Letras Galegas de 2018 evidencia "a capacidade da cultura galega de incorporar a aqueles que son alóctonos como autóctonos".
No acto participou tamén o viúvo da escritora, Pedro Ferriol, que quixo mencionar que María Victoria Moreno foi "represaliada durante a ditadura" franquista, que "censurou algúns dos seus libros" e "sufriu persecución" na súa libraría de Pontevedra na que "se lían libros prohibidos".

exposición itinerante
Entre outras actividades, está prevista unha exposición central conmemorativa, de carácter itinerante, baixo o título "María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes", comisariada polo ilustrador David Pintor e que percorrerá 11 concellos galegos do catro provincias. Esta mostra, que se iniciará na última semana de abril en Santiago, viaxará a Pontevedra, Vigo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova. Tamén haberá mostras bibliográficas no  Museo Pedagóxico de Galicia, as bibliotecas públicas Miguel González Garcés (A Coruña) e Juan Compañel (Vigo), e o Museo Etnográfico de Ribadavia.
No ámbito educativo, despregaranse por preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior os proxectos escolares gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018. A RAG tamén acollerá en novembro dúas xornadas dedicadas á autora. Na rede, institucións como a RAG, o portal de Bibliotecas Escolares ou o Portal das Palabras porán a disposición dos seus usuarios materiais sobre a homenaxeada.n 

Te puede interesar