"Lingua de Namorar" premia a creatividade dos mozos galegos

Valentín García e Cecilia Vázquez, titulares dos departamentos que convocan o concurso.
photo_camera Valentín García e Cecilia Vázquez, titulares dos departamentos que convocan o concurso.

O certame de declaracións de amor entregará os premios o 14 de febreiro no Museo do Mar de Vigo

n n n A Secretaría  Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de  Xuventude da Xunta de Galicia convocaron unha nova edición do certame de declaracións de amor na rede en galego "Lingua de  Namorar", unha iniciativa que premiará, por sexto ano, a creatividade dos mozos en galego.
Nesta ocasión, e coincidindo coa estancia do Pergamiño  Vindel en Galicia, os premios entregaranse no Museo  do Mar de Galicia, en Vigo, o 14 de febreiro, día dos namorados. Así o deron a coñecer eonte os titulares dos dous departamentos promotores desta iniciativa, na que participan cada ano máis de medio milleiro de mozos e mozas galegos, Valentín García e Cecilia Vázquez, respectivamente.
"O galego é, de sempre, lingua de namorar e queremos animar a mocidade para que así o siga sendo, para que sexa ferramenta útil dos seus afectos e das súas relacións interpersoais; para que siga tendo presenza na internet e nas tecnoloxías da comunicación", destacou Valentín García.
Pola súa banda, Cecilia Vázquez destacou que "Lingua de  Namorar" é hoxe en día un certame "plenamente consolidado" e con maior  aceptaciónen cada edición que se celebra. Neste sentido, apuntou que "o evento está a cumprir un dos seus obxectivos fundamentais, que non é outro que fomentar o uso do galego entre a xente nova e en calquera ámbito: o académico, o laboral, o social, o persoal e o familiar”. Así mesmo, Cecilia Vázquez fixo fincapé “na oportunidade que supón este certame para impulsar e poñer en valor a creatividade e o talento da mocidade, que a través dos seus textos expresan libremente os seus pensamentos, inquedanzas e sentimentos”..
A participación na nova edición de "Lingua de  Namorar" está aberta desde este luns e ata o próximo 29 de xaneiro a todos os mozos de 14 a 35 anos, que poderán concorrer coas súas mensaxes orixinais en dúas categorías: dos 14 aos 19 e dos 20 aos 35 anos.
Os textos participantes deberán estar escritos en lingua galega e poderán redactarse tanto en prosa como en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes e a listaxe cos nomes das persoas gañadoras publicaranse na páxina web do concurso e tamén no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal o día 7 de febreiro. No concurso establécense tres premios por cada unha das categorías.n

Te puede interesar