MARÍA XOSÉ QUEIZÁN Premio das Letras da Cultura Galega 2016

“Houbo un tempo que se dicir feminista era como ser bruxa; nunca xogou ao meu favor”

María Xosé Queizán, con Uxía Blanco, nun homenaxe este verán.
photo_camera María Xosé Queizán, con Uxía Blanco, nun homenaxe este verán.

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) prepárase para recibir o vindeiro luns o Premio das Letras da Cultura Galega no museo centro Gaiás, da Cidade da Cultura, en Santiago. A escritora e activista recibe con serenidade o que considera unha distinción máis, tal e como apuntou na seguinte conversa.

Considera que con este premio a Xunta por fin lle fai xustiza?
Neste galardón participaron moitas persoas. A Xunta só o convocou, son persoalidades de diferentes ámbitos os que deciden. Recíboo con agrado porque a literatura é o que me adico, considéroa o que leo e o que escribo. Dedícolle a maior parte da miña vida.


O seu nome sempre estivo vencellado ao feminismo. Pensa que este activismo tamén se tivo en conta á hora da súa distinción?
Creo que o feminismo nunca xogou ao meu favor, todo o contrario. Agora está máis aceptado. pero houbo un tempo en que se dicir feminista era o mesmo que ser bruxa. Dende o punto persoal, si que me beneficiou. Fun unha das pioneiras neste campo.


Dende que comezou a escribir, como evolucionou a presenza da muller na literatura?
Xa hai moitas escritoras e estou orgullosa pola miña aportación dende a dirección de “A festa silenciada”, revista onde saíron grandes poetas. Foi un caldo de cultivo excelente. Avanzamos moito ata cambiar o canon literario.


Aínda así, institucións como a Real Academia Galega seguen a ter menos presenza feminina. Moitas voces pedían a súa inclusión.
Este sábado acaba de ingresar María Alexandre e dentro de pouco vaino facer outra máis. Eu, non porque son moi mala e teñen razón en non me querer (risos).


O avance no mundo da literatura no coincide co rol social da muller, a que se debe?
A situación xeral das mulleres non é moi favorable. Sinto moita pena ante iso, algo debemos facer mal. É un fracaso social, tamén influido polo postmodernismo e o conservadurismo. É unha desilusión. Contrasta coa formación académica que lograron. É incrible que en tan pouco tempo, dende o 78, se teña avanzado tanto. Agora somos maioría na Universidade. Dá que pensar onde estaríamos se tivéramos partido dende unha situación de igualdade.

Te puede interesar