vigo

Filoloxía Galega se reinventa

Xosé Soto, Xosé Fernández Salgado e tres das autoras que publican no primeiro número.
photo_camera Xosé Soto, Xosé Fernández Salgado e tres das autoras que publican no primeiro número.

Nace 'Cumiera', unha publicación anual para divulgar traballos do alumnado sobre o galego

nnn Dar a coñecer os traballos científicos dos investigadores máis novos no ámbito dos estudos lingüísticos e literarios en galego. Este é o principal propósito co que nace “Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega”, unha publicación anual lanzada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina “na que reunir e divulgar algúns dos máis destacados traballos do alumnado”, tal e como subliña o profesor Xosé A. Fernández Salgado, editor deste primeiro número, que fai fincapé en que as páxinas da revista están tamén abertas aos estudos lingüísticos e literarios doutras linguas, en especial ós estudos lusófonos que resulten de interese para o galego. O director do departamento, Xosé-Henrique Costas, engade que “se ben nace pensada para o noso alumnado, terán tamén cabida traballos dos alumnos doutros graos e mestrados da Universidade relacionados cos estudos galegos”.
Co título de “Cumieira” réndese homenaxe ao topónimo tradicional do anaco de monte en que se erguen as instalacións da Facultade de Filoloxía e Tradución, noutrora sede do chamado Cuvi, Colexio Universitario de Vigo.
O primeiro volume da revista, presentado no salón de graos da facultade, consta de sete capítulos, todos eles de autoría feminina. “Dous son magníficos traballos de clase, tres son proxectos fin de grao e dous fin de mestrado que foron dirixidos por diversos docentes que aconsellaron a súa divulgación, previa adaptación ás normas da publicación e á súa revisión de contidos por diferentes especialistas”, explica Costas. Os contidos dos artigos son variados. Cristina Joven achega datos sobre a realidade sociolingüística do alumnado de secundaria en tres centros da provincia de Pontevedra tocante ás actitudes lingüísticas cara aos galegofalantes, o español de Galicia e o acento galego e, tamén no ámbito da sociolingüística, se inscribe a panorámica que realiza Andrea Castelo sobre a vitalidade en diversos eidos do mirandés, lingua minorizada pertencente ao grupo asturleonés que se fala nas terras portuguesas de Miranda do Douro raianas con Zamora.
Pola súa banda, Reyes Rodríguez ofrece un exhaustivo estudo dos trazos fónicos e morfosintácticos máis característicos da fala de Entrimo, que lle serven ademais para revisar algún dos datos dialectais que xa se recolleran hai máis de catro décadas desta zona limiá e, nas cuestións dialectais céntrase tamén Laura Piñeiro, neste caso cun estudo centrado nos falantes do Morrazo. Outra das filólogas, Andrea Expósito, analiza un aspecto da sintaxe pronominal galega e, xa no eido da investigación literaria, Antía Monteagudo realiza unha rigorosa e reflexiva análise sobre os diferentes métodos de investigar a historia do relato Os europeos en Abrantes de Vicente Risco a partir da súa estrutura, personaxes e acción. Pola súa parte, Andrea Chantrero explora en doce novelas xuvenís galegas unha lectura didáctica centrada en salientar os aspectos máis relacionados coa educación en valores (éticos, corporais, afectivos...) que constitúen un foco de atención no alumnado de Secundaria. n
 

Te puede interesar