LEDICIA COSTAS Escritora, presenta “A balada dos unicornios”

“A fantasía permite falar de calquera cousa, dá a liberdade que non se atopa noutro rexistro”

Ledicia Costas, este ano durante a Feira do Libro.
photo_camera Ledicia Costas, este ano durante a Feira do Libro.

Ledicia Costas presenta hoxe, ás 19.30 horas, a súa última proposta literaria, “A balada dos unicornios”, onde estrea localización, una escola de inventos no Londres victoriano e heroína, Ágata, que viaxará ata a orixe do mundo para cumprir unha misión.

A escritora falou para os lectores de Atlántico sobre a súa publicación que lle valeu o Premio Lazarillo.

Unha vez máis unha novela súa encádrase na Literatura Xuvenil.
Gústame escribir para a rapazada, pero penso que esta historia tamén pode ser consumida por adultos, xa que ten varias lecturas.
Aínda que dirixa as súas historias a rapaces, aborda temas non sempre  considerados infantis. Como ve aos seus lectores?
Creo firmemente que a infancia é unha nación de seres humanos. A rapazada aínda non está corrompida, é honesta, sinceira. Respeto moito aos nenos e penso que os hai que tratar como seres intelixentes.
Utiliza a fantasía para enfrontar a seres perversos, asasinatos e inxustizas. E un xeito de suavizalo?
Non foi algo buscado, pero a fantasía permite falar de calquera cousa. Dá unha libertade que non se atopa noutro rexistro máis realista. Pódense tratar tamén os males da sociedade actual, como a violencia machista ou o maltrato animal. Esta novela vai de sentimentos comúns como o amor, o odio, a vinganza ou o rencor.
A denuncia da violencia de xénero e machismo ten un lugar destacado. É importante que chegue cedo a mensaxe?
Aparece de xeito explícito. Rescato a figura de Jack O Destripador porque na miña novela ten a mesma función, asasinar prostitutas; pero é que na vida real hai homes que están matando a mulleres. Hai que o ter presente. 
Ademáis do Destripador, en “A balada dos unicornios” hai referencias a outros personaxes da literatura como Harry Potter ou o Mago de Oz.
Son guiños intencionados. Hai referencias ás lecturas e ás películas que me marcaron e que sempre xorden dalgún xeito nas miñas historias.
Os seus libros teñen sido traducidos a numerosos idiomas, ambientar a historia no Londres decimonónico é facela chegar alén das fronteiras?
Eu escribo literatura galega para que dende Galicia poida ser universal e sexa consumida en calquera parte do mundo. Creo que é posible dende a universalidade dos temas. Utilicei o Londres victoriano porque é unha estética que me gusta moito, pero oxalá que os británicos se interesen polo libro!
A edición, en tapas duras, semella coidar tamén as apariencias á marxe do contido.
É unha aposta da editorial (Edicións Xerais). Penso que é importante. A mín gústame o libro obxecto, cunha encadernación coidada e ilustracións bonitas. Hai que recuperar ese valor.n

Te puede interesar