Bieito Romero Fundador de Luar na Lubre, presenta disco este sábado

“O espectáculo de Vigo transcende ás artes escénicas; sabemos que aí se nos quere”

Bieito Romero chegará con Luar na Lubre e o seu disco “Ribeira Sacra”.
photo_camera Bieito Romero chegará con Luar na Lubre e o seu disco “Ribeira Sacra”.

 Luar na Lubre regresa a Vigo  este sábado cun traballo moi especial, “Ribeira Sacra”, centrado na marxe ourensá da comarca. Bieito Romero, fundador e líder da agrupación, fala para os lectores do Atlántico sobre o novo disco e a actuación que darán no teatro García Barbón co que pecharán a xira por Galicia.

A saída deste disco coincide coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
Comezámolo sen saber cando se iniciaría o proceso. É un traballo onde hai moito sentimento porque toda a miña familia procede de alí. Ten unha gran riqueza da que nunca se fixo nada dende o punto de vista musical.
Ten unha sonoridade específica?
Calquera parte ten características propias, pero neste caso, se lle chaman Ribeira Sacra é por algo. Son 23 concellos con moitas cousas en común: lendas, tradicións..., case podían formar unha provincia. É a maior concentración de mosteiros románicos de toda Europa. Ten moitos elementos específicos.
Como xorde o inicio de gravación no interior de San Pedro de Rocas?
Alí comezouse o proceso, graváronse as maquetas e varios recursos. Foi o embrión nun lugar que é moi especial para min, onde están enterrados o meu bisavó e o meu avó. Éste ía a cabalo ata San Pedro de Rocas para xogar ás cartas co último crego que houbo. Aínda que nacín en Coruña as miñas lembranzas están na Ribeira Sacra, e tamén na de Lugo. 
Queda entón pendente un disco adicado á Ribeira Sacra da beira lucense?
Iamos facelo de todo, pero nos xuntamos con tal cantidade de material que preferimos centrarnos nunha das partes. Quédanos a outra.
Xunto ás composicións propias hai sonidos da contorna. De onde resultan?
Toda a información e as composicións xorden dun traballo de campo importante, donde recollemos historias, lendas, etnografía, pero tamén a banda sonora natural co río Sil, o paso do antigo carro polos camiños, as campás, a chouriceira ou o sonido do Entroido.
Para completar o disco contan con colaboracións moi especiais.
Procuramos que fosen variadas. O traballo ía collendo moita forza e queríamos darlle máis valor incorporando a xente que significa moito para nós como, entre outros, Víctor Manuel, Ses, a centenaria coral de Ruada ou Astarot, que dende o heavy aportan un punto maxistral.
Como se trasladará todo esto ao concerto deste sábado?
Vai ser unha actuación especial porque pecha as actuacións en Galicia. Prácticamente estarán tódolos convidados e algún artista máis. O espectáculo transcende das artes escénicas, acompañarannos artesáns e as máscaras do entroido de Maceda. Sabemos que en Vigo se nos quere e queremos responder.
Este é o primeiro disco trala xira do 30 aniversario. Supón o inicio dunha nova fase?
O 30 aniversario foi unha celebración. Non pechamos nada. Por sorte, somos un grupo con moi boa saúde. É certo que foi unha xira moi intensa, pero esto é unha continuación. Ao principio deunos un pouco de vertixe por ser un traballo conceptual, centrado nun territorio. Damos o 90% dos concertos fóra de Galicia e resultaba complicado explicalo. Pero acabaremos a xira con cen concertos e estamos enchendo. É o gran logro dunha zona concreta de Galicia.

Te puede interesar