"Dhogs" triunfa na gala dos Mestre Mateo con 13 premios

O equipo de "Dhogs" recibe o premio ó mellor longametraxe, na gala dos Premios Mestre Mateo.
photo_camera O equipo de "Dhogs" recibe o premio ó mellor longametraxe, na gala dos Premios Mestre Mateo.

A película xa é a produción máis votada na historia destes galardóns da Academia do Audiovisual

n n n A película "Dhogs" conquistou 13 galardóns nos Premios Mestre Mateo celebrados o sábado na Coruña, á vez que se converteu na produción máis votada na historia destes galardóns que concede a Academia Galega do Audiovisual.
A opera prima de Andrés Goteira conquistou os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para o meirense, que comparte a última con Juan Galiñanes. Os académicos recoñeceron tamén a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán "Morris". Ademais do pleno nas categorías interpretativas, "Dhogs" gañou tamén os premios á mellor dirección de produción para Suso López, dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, música orixinal para Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato. Outra ópera prima, `A batalla descoñecida`, neste caso dirixida por unha muller, Paula Cons, gañou o premio ao mellor documental. Moi novos tamén son os Porco Bravú, que gañaron o seu segundo premio á mellor serie web con `Peter Brandon`.
"Matria", de Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe e "The neverending wall" o de mellor curtametraxe de animación. "Conserveiras do noso" fixo o propio co de mellor anuncio e "Troubled times" (Green Day), de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip. "Serramoura" acadou por cuarto ano consecutivo o premio á mellor serie de TV, mentres que "A Revista Fin de Semana" gañou o de mellor programa de TV e Nieves Rodríguez o de mellor comunicadora polo seu traballo no "Vaia Troula!". Completa os premios televisivos o de Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez pola realización de "Tesouros no faiado".
Finalmente, Arantxa Domínguez gañou o premio ao mellor vestiario polo seu traballo en "Juana de Vega, Vizcondesa do Arado" e Chicha Blanco e Vicen Betí o de mellor maquillaxe e perruquería en "Os fillos do sol". Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey e co Premio Especial José Sellier. Este ano, as homenaxes foron para a actriz María Bouzas e para os vigueses Multicines Norte, tamén presentes en Santiago cos Multicines Compostela.n

Te puede interesar