UXÍA BLANCO Actriz, interpretó a Xonxa

“Chano tíñao claro, a paisaxe, a xente e a cultura creaban un cine con marca propia”

Uxía Blanco no papel de Xonxa, en 1989.
photo_camera Uxía Blanco no papel de Xonxa, en 1989.

Uxía Blanco foi o rostro feminino que marcou o inicio do cine galego.

 O seu papel en “Sempre Xonxa” fíxoa protagonista do nacemento dunha industria. 25 anos despois lembra aquela rodaxe.
Como marcou a súa carreira o papel de Xonxa?
Non só foi importante, senon que me cambiou a vida. Aínda que levaba dende os 12 anos dicíndolle aos meus pais que quería ser actriz, era profesora despois de estudiar Historia e sacar as oposicións. Xonxa deume a oportunidade de  facer realidade o meu soño que se me estaba escapando. Foi unha rodaxe moi bonita, idílica. Xonxa é un personaxe moi potente, xa que a interpreto durante 20 anos.

Que lle animou a dar cara a interpretación? 
Un día vin pola televisión unha entrevista a Chano. Dicía que fixera un cásting entre 600 mulleres e non atopara a súa Xonxa. Anunciaba que, sentíndoo moito, tería que ir buscala a Madrid ou Barcelona. Na mesma conversa dixo que tiña unha farmacia en Vigo. Eu que nunca o vira, planteime ao día seguinte na botica e díxenlle ‘aquí tes a túa Xonxa’. El ríu. Fomos tomar un café de tres horas. Preguntoume como vía a Xonxa e eu faleille das mulleres da miña aldea. Fíxome unhas probas e deume o papel.

Para alguén que se estrea ante as cámaras había secuencias moi duras. Como as afrontou?
A violación ou o parto si foron duras, pero son as que máis me gustan. Hai que se esquecer dun mesmo e meterse no personaxe.

Cal é o segredo para que “Sempre Xonxa” sega vixente 25 anos despois?
Vin a película varias veces. Penso que leva moi ben os anos porque ten moita verdade. Chano fala de sentimentos universais como a amizade, o amor e a traizón. Ademais tanto os exteriores como os interiores foron naturais con artesanos auténticos, non hai nada de plató e iso fai que rezume autenticidade. En doce universidades americanas proxectan este filme para estudar etnografía. 

Que supón o legado de Chano Piñeiro para o cine galego?
Pasaron 25 anos e cando se fala de cine sempre sae o seu nome. Sempre dicía que en Galicia era posible facer cine e que era necesario facelo en galego. Aquí sempre se dubidou se rodar en galego ou en castelán. Chano tíñao claro, chégase á universidade partindo da propia particularidade. As paisaxes, a xente ou a cultura creaban un cine con marca propia. En Cataluña si o viron e hai dous anos consiguiron levar unha película súa aos Oscar en representación de toda España.

Que aconteceu en Vigo para que CineGalicia se celebrase aquí coa triple estrea de “Sempre Xonxa”, “Continental” e “Urxa”? Fito que marcou o inicio do cine galego.
Había unha gran inquedanza cultural, estabase saíndo da Movida. Pero despois todo foi derivando a Coruña e Santiago, quedando en Vigo escasez e sen industria. Algo que parece mellorar coa Escola de Arte Dramático en Navia.n

Te puede interesar