vigo

Chano Piñeiro e o seu desaparecido festival de cinema

Chano Piñeiro, nun momento da rodaxe no porto de Vigo de “Sempre Xonxa”, en 1989.
photo_camera Chano Piñeiro, nun momento da rodaxe no porto de Vigo de “Sempre Xonxa”, en 1989.

Lembraba esta semana en Atlántico Mariluz Montes, viúva do inesquecible director de cinema e boticario Chano Piñeiro, que o autor de "Sempre Xonxa" soñaba cun festival de cine para Galicia

Chano, seino ben, soñaba sobre todo cun país dono de seu. Era un soñador utópico, un ser humano coma poucos coñecín e que me honrou coa súa amizade, compartillando ideas e ideais de soñadores, non por marabillosamente oníricos menos sentidos e rexos. Os seus soños e as súas tolemias, digo. Unha delas era precisamente a súa teima dun audiovisual fondamente galego, na fermosa lingua dos nosos ancestros, hoxe tan aldraxada, ninguneada e xa esquecida por boa parte da sociedade desta terra, da que me dá por lembrar, non sei porqué, aquilo de Celso Emilio Ferreiro: "Que fermoso país e que carallo de xente!", frase que ás veces lembrabamos entre a ironía chocarreira e a tristeza do, seica, inevitable. E Chano non era un fatalista: a súa empatía e humanidade non deixaba a ninguén fóra dun futuro mellor para todos, baseado na comprensión, o coñecemento e a solidariedade entre as xentes e os pobos.
Mais, precisamente porque coñecía a realidade do país mellor do que moitos pensan, Chano nunca deixou de ser realista, de loitar decote porque os galegos foramos quen de nos valorar a nós mesmos e artellar unha imaxe propia que proxectarmos entre as demais culturas da nosa contorna, nin mellores nin peores cá nosa. Xa que logo, ten toda a razón Mariluz, o seu ben querido autor da paradigmática neste senso "Mamasunción" (a avoa universal, dende un recuncho afastado do planeta, quen o diría...), reivindicaba ese grande festival de cinema galego que amosara a noso xeito de estarmos no mundo. Porque Chano, por riba de todo, amaba Galicia e a súa (a nosa) lingua propia, cómpre repetilo. A mesma que, aínda a estas alturas, pretende promover a Irmandade da Sanidade Galega, que lle vén de render homenaxe na súa asamblea anual, celebrada este ano en Vigo. Nesta cidade que fixo a súa residencia asumida porque amaba a súa neurose e anarquía, hoxe seica domada (ás veces para ben, outras non tanto), na que pasou a metade dunha existencia curta mais porén ateigada de paixón vital, sentíase tan identificado que non concebía outra máis axeitada coma sede permanente dese grande Festival de Cinema de Galicia.
En moitas ocasións deixei probas da teima de Chano neste eido, ben desde a miña biografía-homenaxe, "Chano Piñeiro, unha historia do cinema galego", publicada en 1999, ben desde artigos neste mesmo xornal. Nun deles, que lembro agora, publicado aos dez anos da súa morte, "Chano Piñeiro e un grande Festival de Cine para Galicia con sede en Vigo", xa expoñía as razóns que o propio director-boticario deixou para a posteridade.  
É verdade que vinte e tres anos despois do pasamento de Chano Piñeiro, a industria audiovisual galega é moi distinta, para ben, da promesa que era apenas en 1995, cando todos choramos o seu pasamento. Dez anos antes, cando a nacente Televisión Galega inaugurou as súas emisións --precisamente coa antedita cinta de Chano “Mamasunción”--, a posibilidade dunha industria do cinema en Galicia, malia as boas intencións de vedraños pioneiros coma Carlos Velo, era máis ca un soño unha verdadeira utopía.
Chano Piñeiro anceiaba un cinema galego enraizado nas vivencias e sentimentos máis enxebres deste pobo ancestral, como unha forma máis de preservar o patrimonio singular da nosa terra e transmitilo en herdanza ás vindeiras xeracións. É dicir, rodaba e loitaba decote por un ideal no que tiña unha fe cega: facer cine en Galicia no idioma propio do país, na lingua que tivo o seu berce e fixeron medrar as xentes deste recuncho do planeta e que nos fai ser únicos pola creación cultural de nós entre a diversidade das nacións do mundo. Era, seino ben porque como dixen coñecino de preto, o que tiña máis claro no seu maxín, porque cine en castelán ou en inglés ou sobre as historias e os costumes alleos xa o fan mellor os demais. A nós tocábanos, aínda sen moitos medios e paseniñamente, facer o noso propio cinema. E Chano púxose mans á obra, contrapondo unha saúde feble de máis a unha teima rexa coma un buxo.
Así o salientou en outubro de 2005 Emilio Pérez Touriño, daquela presidente da Xunta, cando anunciou a creación do “Festival Chano Piñeiro”. Dixo entón o ex presidente que o país tiña unha débeda con Chano porque o cineasta-boticario fora “exemplo de compromiso con Galicia”. Con iso quixo recoñecer ao autor de “Sempre Xonxa”, a primeira longametraxe profesional do cinema galego, da que se cumpren trinta anos da súa rodaxe, coma pioneiro da actual industria audiovisual de Galicia.
Pois ben, aínda que só fora por ese recoñecemento, coido que os actuais responsables da Xunta, liortas partidistas aparte, deberían retomar a idea base dese Festival de Cine, celebrado en Vigo só no ano 2006. Porque, aínda que lles doa o “compromiso con Galicia” que estaba na xénese do mesmo, Chano Piñeiro merece esa homenaxe permanente, co seu nome á fronte dun verdadeiro Festival de Cinema. 
E aclaro, e digo ben, que as dúas premisas básicas da promesa do entón máximo mandatario galego, que o Festival levaría o nome de Chano e que Vigo sería a súa sede permanente, aínda non se cumpriron, nin seica hai vontade política de cumprilas. A día de hoxe, o Festival Chano Piñeiro está por completo desaparecido. Apenas existen uns ambiguos e itinerantes “Premios Chano Piñeiro”, que o mesmo aparecen polos "Mestre Mateo", que no festival de Ourense ou no Cineuropa que organiza o concello de Santiago. Ditos festivais son propostas moi diferentes á idea de Chano. En todo caso, poderían ser complementarios á proposta do lembrado cineasta-boticario, cuxo Festival vigués ben podería especializarse no cinema galego, feito en Galicia ou artellado por galegos en coproducción, que arestora é a maior parte do que chega a rodarse na nosa terra, e non simplemente en proxeccións alleas e premios para todos.  
Como dixen, Chano tíñase por un vigués máis, como demostran moitos dos seus escritos na prensa local, incluído este mesmo xornal. Se consideramos que el mesmo organizou en Castrelos, en 1994, un festival de cine como primicia á proposta dun grande Festival de Cine para Galicia con sede en Vigo, cidade que consideraba a máis axeitada por situación, puxanza económica, potencial humano, boas comunicacións por terra, mar e aire e axeitadas infraestruturas hoteleiras e turísticas en xeral. Unha proposta que o propio Chano presentara no Plano Estratéxico da Cidade ese mesmo ano, en concreto en xullo de 1994.
Velaquí un extracto daquela proposta hoxe esquecida: “Eu, Chano Piñeiro, propoño: Que sexa considerada moi en serio a realización dun Festival Cinematográfico (…) Un Grande Festival de Cine do que hoxe Galicia carece. Vigo é unha cidade cosmopolita e heteroxénea que coido reúne os requisitos ideais para un Festival de Cine que, por outra parte, beneficiaría a sectores importantes da cidade e de todo o país, proxectaría a imaxe dunha urbe culturalmente atractiva e satisfaría aos miles de afeccionados que, como este ano quedou demostrado en Castrelos, están dispostos a acudir ao cine cando este é exhibido en boas condicións”. 
E remato xa, unha vez máis, coa máxima de Chano hoxe asumida por todos, pero aínda non moi ben comprendida: “Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario”.

(*) Autor do libro “Chano Piñeiro, unha historia do cinema galego” (Edicións do Cumio, Vigo, 1999).

Te puede interesar