Cecilia Pereira será a comisaria do Xacobeo

Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021.
photo_camera Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021.

A ourensana conta con máis de 25 anos de experiencia na xestión cultural

 A xestora cultural Cecilia Pereira será a comisaria do Xacobeo 2021, despois da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo a nomease este mércores conselleira delegada. Diso informou a Xunta nun comunicado, no que destaca que Cecilia Pereira Miramón (Ourense, 1964) conta con máis de 25 anos de experiencia na xestión cultural na administración pública e no sector privado.
É licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) con dobre especialidade en Museoloxía e en Historia da arte Antiga e Medieval. Completou a súa formación de doutoramento en Estudos Medievais, posúe o recoñecemento de Suficiencia Investigadora pola USC e realizou o Curso Superior en Xestión de Empresas e Organizacións Culturais da Universidade Complutense.
Ao longo da súa carreira profesional, ostentou a dirección de produción no organismo público Acción Cultural Española e dirixiu as Actividades Culturais da Sociedade Estatal para Exposicións Internacionais. Así, entre algunhas das súas funcións, destaca o deseño do programa cultural do Pavillón de España na Expo Zaragoza 2008, a dirección do Pavillón de España na Expo Shanghái 2010 e a comisaría xeral de España na Expo Yeosu 2012, en Corea do Sur.
En Galicia, foi conservadora xefe do Centro Galego da Arte Contemporánea (CGAC) e participou no Programa Cultural Compostela 93 durante aquel Xacobeo, entre outras funcións.
O Consello da Xunta aprobou en xaneiro o decreto polo que se regulan as funcións da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, un proxecto unitario que, segundo destacou o Goberno galego, "require de mecanismos que garantan a coordinación das distintas actuacións e a participación e colaboración das administracións públicas e outras persoas e entidades neste evento".
Con este obxectivo, a Xunta sinalou que a creación dunha comisión organizadora así como a designación que actúe como cargo de apoio a este órgano constitúen os instrumentos básicos para "procurar unha actuación coordinada que asegure o seu éxito en todas as súas vertentes".
Nesta comisión, ademais dos representantes da Administración autonómica, convidarase a participar como membros de pleno de dereito a representantes do Concello de Santiago, á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), á Delegación do Goberno en Galicia e ao Arcebispado.n

Te puede interesar