vigo

Cangas recupera ao seu xoglar Johan e as súas tres cantigas

Pilar Lorenzo pecha hoxe o ciclo sobre Johan de Cangas
photo_camera Pilar Lorenzo pecha hoxe o ciclo sobre Johan de Cangas

A investigadora da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, Pilar Lorenzo Gradín, falará hoxe da produción literaria do xograr Johan de Cangas coa que clausura un seminario monográfico no salón de plenos, ás 19.30 horas.

Catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago coordina o curso sobre este trobador, promovido polo Concello de Cangas, co que pretenden recuperar este figura tan vencellada ao Morrazo e que “nos permite saber como era Cangas na Idade Media”, engade.
Lorenzo sinala que, segundo se ten constancia, Johan de Cangas escribiu tres cantigas de amigo (aínda que posiblemente compuxese algunha máis), que entran na modalidade de cantigas de romaría ou de santuario, dedicadas neste caso a San Mamede, un santo moi venerado na Idade Media. Por esta razón se vencella a este trobador con Cangas, xa que, aínda que existen máis “Cangas” na toponimia da Idade Media, é o único lugar que posúe unha ermida que ten como patrón a San Mamede. A ermida da que falan estas cantigas, na que se produce o encontro dos dous namorados, atópase no alto dunha montaña, na parroquia de Beluso, en Bueu, sobre as ribeiras do mar.
A investigadora abordará as peculiaridades que estas tres cantigas de amigo ofrecen no marco da lírica galego-portuguesa. Explica que teñen moitas particularidades que as diferencian doutras cantigas de amigo, como certos aspectos de tipo léxico. Por outro lado, “aínda que son cantigas de refrán non son paralelísticas, fronte á maioría das cantigas de santuario e de romaría como as de Martín Códax ou Mendinho”. Ademais, nos seus textos aparece unha marca toponímica propia del: o encontro na ermida de San Mamede é un sinal de identidade das tres cantigas. “Resulta curioso o feito que as tres cantigas, lidas no seu conxunto, forman un pequeno ciclo narrativo, algo que non é moi habitual nestes casos”, asegura Pilar Lorenzo. Na primeira cantiga a rapaza pídelle permiso á súa nai para ver ao seu “amigo” na ermida. Na segunda parece que a nai llo concede pero ela regresa desilusionada porque o amigo non se presenta ao encontro. Na última, ela diríxese ao amigo e dille que accederá a reunirse con el na ermida se lle promete que non lle vai mentir de novo. 
Ao longo do ciclo afrontouse a faceta literaria de Johan de Cangas e o momento histórico no que viviu, como estaba configurada a sociedade galega e, en particular, a sociedade do sur de Galicia. Tamén se abordaron os monumentos artísticos da época, como era a paisaxe monumental medieval que rodeaba a península do Morrazo, así como o mar como elemento paisaxístico da lírica profana galego-portuguesa. 

Te puede interesar