Os Bolechas protagonizan unha serie sobre as Letras Galegas

Presentación da nova colección de Os Bolechas na sede da Real Academia Galega, en A Coruña, na que participaron 32 escolares.
photo_camera Presentación da nova colección de Os Bolechas na sede da Real Academia Galega, en A Coruña, na que participaron 32 escolares.

A Real Academia Galega acolleu a presentación da colección, que empeza co libro sobre Eduardo Pondal

A sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas, 11, de A Coruña, contou onte cuns convidados moi especiais, 32 escolares de infantil e primeiro ciclo de primaria do Centro Rural Agrupado Boqueixón-Vedra Neira Vilas. Foron recibidos polo presidente da institución, Xesús Alonso Montero, e Os Bolechas para participaren na presentación da nova colección destes populares personaxes, "As miñas primeiras Letras Galegas". A serie, que conta co apoio da RAG, achegará o público infantil á vida e á obra de grandes nomes da nosa literatura que foron elixidos por esta institución para protagonizaren algún Día das Letras Galegas. E farao, como con cada entrega desta familia, de xeito divertido á vez que didáctico, afondando ao mesmo tempo no coñecemento da lingua propia de Galicia.
Os escolares abriron o acto recitando o poema “A fala” de Eduardo Pondal, o protagonista do primeiro libro da colección e autor da letra do Himno Galego, que tamén entoaron no peche da presentación desde as cadeiras dos académicos de número. Xunto aos cativos, os Bolechas e o presidente da RAG, tamén tomaron a palabra Antonio Couto Rego, editor de edicións Bolanda, o selo que publica os libros dos Bolechas desde 2012; José Manuel López Marcos, director de mercadotecnia de Caixa Rural Galega; e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, que tamén apoia esta iniciativa. O acto contou así mesmo coa presenza de Xosé Manuel Varela en representación da Fundación Eduardo Pondal.
No primeiro volume, Eduardo Pondal narra a descuberta de América a través dos versos d'Os Eoas. Algúns dos termos máis complexos da obra son explicados ao final a xeito de sinxelo dicionario para permitir unha maior comprensión. Os seguintes números estarán dedicados a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ánxel Fole e Manuel María. “É un privilexio que, pasándoo ben, poidades aprender a vida de Rosalía de Castro, de Manuel María ou de Curros Enríquez, empezando pola de Pondal”, explicou o presidente da RAG Xesús Alonso Montero.

Te puede interesar