vigo

A Biblioteca Central adica o Día do Libro á banda deseñada

O acto de onte, que contou coa presenza do secretario xeral de Cultura.
photo_camera O acto de onte, que contou coa presenza do secretario xeral de Cultura.

nnn A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel tivo onte como protagonista a banda deseñada, na véspera da celebración hoxe, 23 de abril, do Día Internacional do Libro. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou á mañá na entrega de premios do Concurso BD Vigo, un certame promovido polo centro de xestión autonómica baixo a coordinación de María Vilar e que chegou este ano á súa oitava edición. Os premiados nas diferentes categorías foron Mateo Segovia, Alejandro García, Víctor Castro, Iago Bouzo, Daniel Celada, Jesús Portela, José Marín e Adrián Alonso. Todos eles recibiron a felicitación da directora da biblioteca, Inmaculada Serrano, e do secretario xeral de Cultura.
Anxo Lorenzo puxo en valor o labor das persoas que veñen xerando, a través do obradoiro de cómic da biblioteca, e semana tras semana, “un universo de descuberta e de creatividade arredor da banda deseñada”. “Se aspiramos a favorecer persoas afeccionadas á lectura e á arte, nas súas máis diversas linguaxes, debemos reparar nestas dinámicas”, dixo.
O secretario xeral engadiu que “na véspera do Día do Libro, no que desde as institucións educativas e da cultura se recorda a importancia de ler, como actividade de pracer pero imprescindible tamén para a nosa formación e evolución como persoas, é moi importante que fagamos públicas iniciativas coma esta”.
A xornada contou tamén cos guionistas David Braña e Francisco García González, que presentaron a súa obra. n

Te puede interesar