Os alumnos galegos realizarán visitas á Xunta e ao Parlamento

Miguel Santalices e Román Rodríguez, firmando o convenio de colaboración para visitas escolares.
photo_camera Miguel Santalices e Román Rodríguez, firmando o convenio de colaboración para visitas escolares.

O programa "Coñece as túas institucións" pretende a difundir o seu papel e a separación de poderes

n n n O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron onte un convenio de colaboración que permitirá organizar visitas guiadas conxuntas ás sedes do poder Lexislativo e do Executivo galego co fin de que os alumnos poidan coñecer de primeira man o seu funcionamento. Con este programa, denominado "Coñece as túas institucións" e dirixido inicialmente ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, e 1º e 2º de ESO, aspírase a que os estudantes coñezan as institucións e comprendan a separación de poderes propia da democracia, unha separación que, segundo Santalices, "ás veces resulta confusa para a cidadanía".
Aínda que agora a Cámara xa recibía visitas cun programa que "funciona razoablemente ben" -pechará este ano con máis de 12.000 participantes-, Santalices deu por feito que este convenio favorecerá que aumenten. Nunha mesma xornada, cada grupo poderá visitar as dependencias do Lexislativo e do Executivo, e, en palabras do conselleiro, o programa suporá "unha oportunidade para a aprendizaxe histórica, para a reflexión e para o pensamento crítico".
Román Rodríguez subliñou que se trata dunha iniciativa "moi positiva" para o alumnado, como para o profesorado e as propias institucións. Os estudantes adquiren formación histórica, pero tamén asumen, "xa desde idades temperás, os valores democráticos necesarios para "garantir un bo clima de convivencia". "Ademais, asimilan como próximos aqueles lugares que garanten os servizos públicos, resolven os problemas dos cidadáns e tratan de mellorar o benestar da sociedade", remarcou, antes de esgrimir que se tenta "favorecer unha cidadanía democrática e responsable presente e futura".
Tanto Santalices como o conselleiro lembraron que este martes se cumpren 36 anos da constitución do Parlamento de Galicia. "O labor daqueles deputados pioneiros e os que os seguiron, e o do conxunto da sociedade galega, pagou a pena até o punto de que Galicia se situou entre os territorios con maior autonomía política de Europa e converteuse nunha autonomía crible, solvente e respectada, considerada por moitos un modelo a seguir", resumiu Miguel Santalices.n

Te puede interesar