CONDADO/LOURIÑA

Porriño dará 20.000 euros ao Festival de Cans 2018

O acordo con aportación económica nominativa permitirá que se poda seguir a celebrar nos vindeiros anos

Un momento da xuntanza da alcaldesa Eva García cos organizadores de Cans.
Un momento da xuntanza da alcaldesa Eva García cos organizadores de Cans.
Porriño dará 20.000 euros ao Festival de Cans 2018

nnn O Concello do Porriño destinará un total de 20.000 euros - o maior investimento da súa historia- ao Festival de Cans que este 2018 chega á súa XV edición. Así transmitiullo a alcaldesa, Eva García de la Torre, ao director do certame, Alfonso Pato, e a presidenta da Asociación Cultural Arela, organizadora do mesmo, Keka Iglesias, nunha xuntanza á que tamén asistiron as concelleiras de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, e Educación e Seguridade, Lourdes Moure.
García de la Torre subliñou o compromiso do goberno local e de todos os veciños do Porriño, “que fan un importante esforzo”, co festival e cos veciños de Cans e de aí que no orzamento para 2018, “que está pechado e que se levará a Pleno”, haxa unha partida orzamentaria nominativa para o festival. 
O obxectivo, apunta a alcaldesa, é o de garantir un “aporte económico vital para o festival” de xeito que  o mesmo poida seguir celebrándose cada ano con maior éxito e “siga a situar a O Porriño no mapa cultural dentro e fora de Galicia”.
Pola súa banda, Alfonso Pato amosouse “moi satisfeito pola nosa relación co Concello” e non só, comentou, polo seu apoio económico, senón polo “enorme esforzo de loxística” que ten que afrontar no caso dun festival que organizativamente é moi complicado e que pola súa “transversalidade”, require a intervención de distintas concellerías: a de Seguridade, Tráfico, Vías e Obras ou Educación, que contribúen a que o festival poida realizarse ano tras ano. n