redondela

“Non é só dar misa, pasas a formar parte da comunidade"

Gonzalo Domínguez y Andrés Fuertes diante da Igrexa de San Lourenzo de Fornelos de Montes.
photo_camera Gonzalo Domínguez y Andrés Fuertes diante da Igrexa de San Lourenzo de Fornelos de Montes.

Gonzalo Domínguez e Andrés Fuertes son os dous sacerdotes de "Os Cotos", un lugar no que os fieis teñen unha grande importancia 

 "Estar nunha Unidade Pastoral creo que me marcou para o resto da miña vida". Dende decembro de 2003 Gonzalo Domínguez forma parte da Unidade Pastoral de "Os Cotos", unha gran parroquia de parroquias que Gonzalo comparte con Andrés Fuertes dende hai catro anos. 


"Levo cerca de 24 anos coma sacerdote e custaríame moito cambiar "Os Cotos" despois de 15 anos. Traballar aquí é moito máis fructífero a nivel persoal que facelo en outro tipo de parroquias" recoñece Gonzalo. O caso da Unidade Pastoral de "Os Cotos" é un caso peculiar dentro da diocese de Tui-Vigo. Nunha extensión de entre 25 e 30 kilómetros, a Unidade Pastoral abrangue un total de dez parroquias distintas nas que Gonzalo e Andrés traballan en colaboración cun elevado número de feligreses.


"Para dous curas sería imposible poder traballar todo este territorio. Grazas á axuda dos laicos desas mesmas parroquias é posible a Celebración da Palabra en todas esas igrexas que forman parte da nosa Unidade Pastoral" afirma Andrés. Este sacerdote estivo durante nove anos na parroquia de Castrelos, en Vigo, antes de chegar a "Os Cotos". "É moi distinto traballar no rural que facelo na cidade. Non é mellor nin peor, simplemente é algo que vai nos gustos de cada un" recoñece.


Cunha poboación que ronda os 2.000 habitantes entre todas as parroquias, o motor da Unidade Pastoral son os propios veciños. "Vivimos nun entorno que aumenta o sentimento de comunidade na propia parroquia e entre as distintas parroquias. Non hai ningunha máis importante que as outras, sexan máis grandes ou máis pequenas. É unha satisfacción poder traballar así" destaca  Gonzalo. 
Os "laicos" como son chamados por estes dous sacerdotes son os mellores axudantes que encontran para o realizar o traballo parroquial.


"Intentamos que sexa unha Igrexa en galego e que poña en valor ás mulleres. Queremos reivindicar a importancia da muller no rural e facer unha Igrexa en feminino. De feito son as mulleres as que máis realizan a Celebración da Palabra, dan a comuñón e participan activamente" comnenta Gonzalo.


O traballo destes curas rurais supón unha media de 4.000 kilómetros percorridos ao mes no seu coche. "Unhas tres horas diarias estás na estrada. Aínda que non podamos celebrar a misa en todas as parroquias, cada semana vistámolas unhas tres veces" recoñecen ambos sacerdotes. Nese sentido a participación dos habitantes de Fornelos, Verducido, Moscoso e o resto de parroquias é fundamental para o seu día a día.

Ruptura co tradicional


Acostumados ao esquema clásico de parroquias rurais, a veciñanza da zona necesitou un tempo de adaptación antes do significativo crecemento e bo funcionamento actual do que goza a Unidade Pastoral de "Os Cotos".


"Os comezos foron duros pero valeu a pena todo o esforzo. Queríamos romper co esquema tradicional das parroquias rurais. Non pode ser que o cura o faga todo cando hai xente laica moi boa que é capaz de poñer a funcionar todo esto" afirma o sacerdote Gonzalo Domínguez.


A labor dos feligreses é un dos piares básicos desta ampla comunidade, na que este dous sacerdotes son dous membros máis. "Compartes un xantar, acompañas a unha familia que está pasando un mal momento, participas nas festas e incluso vas a apagar lumes cando chegan os incendias a Fornerlos de Montes. Eres un máis" recorda Gonzalo.


O sentimento de unión entre os veciños queda patente na orgaanización que fan estes dous sacerdotes de todo o traballo parroquial.  "Nós vivimos en Fornelos pero non está aquí o centro de "Os Cotos". A realidade é que cada parroquia funciona de maneira autónoma aínd que haxa cousas que se fan en conxunto. Por exemplo, a catequese faise en tres parroquias para uns 60 nenos que se reparten entre os distintos centros. Tamén Cáritas, que se adica no noso caso ao acompañamento de persoas maiores principalmente e está presente en cada parroquia formado polos seus propios veciños" destacan os sacerdotes desta Unidade Pastoral.

Os veciños como protagonistas
Gonzalo e Andrés recoñecen que eles non son máis que dous veciños máis da zona. Non son partidarios da etiqueta de "cura do pobo".


"Os protagonistas non somos nós, son os veciños. A parroquia existe vaia ou non vaia o cura" afirma Andrés mentras recorda a visita do anterior Obispo á zona, ao que invitaron que se achegase aos veciños e fixera as preguntas necesarias para comprobar o bo funcionamento da Unidade Pastoal. 


"Os propios feligreses levan a economía das parroquias. Son eles os que están enriba de todo o necesario polo cariño que lle teñen á súa parroquia" comenta Gonzalo.


 Os sacerdotes da Unidade Pastoral de "Os Cotos" recoñecen que cada ano a colaboración dos veciños nas parroquias é maior. "O ano pasado acadamos os 60.000 euros e este ano as previsións din que se superarán. Eses cartos utilizámolos para os pagos e reformas que fagan falla nas distintas parroquias. Non nos gusta hipotecarnos" contan os sacerdotes de "Os Cotos". Ademais, todas os servizo litúrxicos son gratuitos nas dez parroquias que forman a Unidade Pastoral, polo que todos os beneficios que se acadan ao final do ano proveñen das doazóns e colaboracións que os veciños fan polo mantemento no tempo do proxecto relixioso que é "Os Cotos". "As cousas funcionan ben e a xente motívase para colaborar" afirman.

O futuro destes sacerdotes
Gonzalo chegou á Unidade Pastoral coa idea de estar por un tempo limitado. "Non menos de seis anos, non máis de dez. Ese era o meu plan, pero xa levo 15 anos. Solo me plantexaría cambiar de lugar para continuar neste tipo de proxectos" comenta Gonzalo. 
"Eu quero intentar aplicar o que levamos feito en "Os Cotos" vaia onde vaia" recoñece Andrés.
A unión dos sacerdotes cos seus fieis veciños é un dos símbolos que caracterizan esta Unidade Pastoral, unha posible vía de supervivencia para as parroquias rurais. 

Te puede interesar