morrazo

O Facho de Donón, na axenda Cangas-Xunta

Anxo Lorenzo e o alcalde Pazos e o concelleiro de Cultura, onte na Alcaldía de Cangas.
photo_camera Anxo Lorenzo e o alcalde Pazos e o concelleiro de Cultura, onte na Alcaldía de Cangas.

O secretario xeral da Consellería da Cultura estudiou proxectos culturais no Concello

O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, mantivo onte a primeira reunión de traballo co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para repasar asuntos bilaterais, do Concello cangués e a Xunta de Galicia. Entre eles, a situación do Facho e Castro de Donón. Lorenzo faloulle ao alcalde dos traballos feitos e a actuacións no monte situado fronte ás illas Cíes, onde se atopan restos castrexos e tamén posteriores, de cando servía de faro. O conxunto é moi visitado e podería facerse algunha colaboración cultural entre a Consellería de Cultura e o Concello de Cangas. 
Outros asuntos tratados  no encontro, ao que asistiu tamén o concelleiro de Cultura, foron sobre a participación de Cangas nos proxectos culturais. Entre eles, destacou Anxo Lorenso a posibilidade aberta para  que a institución municipal  entre na rede da Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais.  Un campo que para o alcalde Xosé Manuel Pazos sería moi interesante pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que recibiu 23.447,41 euros en axudas. A Agadic deu recentemente un total de 160.000 euros a nove mostras de artes escénicas entre elas o Festival Internacional de Outono de Teatro  de Carballo, que percibirá 39.146,50 euros ou Festival Internacional de Teatro de Ourense (Fito), outros 25.388, 34 euros. 

Te puede interesar