redondela

O campo de Salgueirón, xa listo en Arcade

Reguera e Font, no campo de Salgueirón.
photo_camera Reguera e Font, no campo de Salgueirón.

As obras suman 352.000 euros entre Concello e Deputación

nnn O deputado provincial, Carlos Font, xunto ao alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, visitaron as obras de remodelación do campo de fútbol municipal de Salgueirón, en Arcade, que se están realizando grazas ao Plan de Reequilibrio impulsado pola Deputación de Pontevedra. O proxecto global conta cun investimento de 352.098,40 euros, dos que a Deputación aporta directamente 281.678,72 euros e ao concello correspóndenlle os 70.419,68 euros restantes, que os financia  a través das achegas provinciais do Plan Concellos.
Para Carlos Font, esta obra “é unha boa demostración de que a cooperación entre institucións ten como resultado actuacións como estas que teñen como fin mellorar a vida da veciñanza, unhas actuacións que redundan na calidade de vida da cidadanía, neste caso na práctica do deporte”. O deputado provincial agradeceu ao alcalde de Soutomaior a visita conxunta ás obras de Salgueirón, que xa se atopan nun estado moi avanzado de execución.
Font explicou que estes traballos no campo de Arcade forman parte do Plan de Reequilibrio, “que se complementan tamén co Plan Concellos. Polo tanto, sempre dende o respecto á autonomía municipal deixando aos municipios decidir en que e en onde invisten os cartos á súa disposición,  hoxe é un motivo de satisfacción ver que obras como estas van servir para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Soutomaior”.
Nesta mesma liña coincidiu o alcalde Agustín Requera, ao resaltar tamén os excelentes resultados que se producen grazas á colaboración institucional, neste caso entre Concello de Soutomaior e Deputación . “Grazas ao traballo conxunto, podemos ter obras coma esta que dan resposta ás necesidades de todo o fútbol de Arcade: deporte base, deporte xuvenil e deporte sénior”, sinalou Requera. 
Máis polo miúdo, os traballos de remodelación no Salgueirón consisten na substitución do céspede artificial actual por outro céspede de última xeración con base elástica. As dimensións do campo son de 104x66, en total 6.864 metros cadrados. Inclúese a renovación da bomba de rego e dos canóns de rego de superficie, así como unha revisión e arranxo da rede de rego.

Te puede interesar